A Real Academia Galega presentou esta mañá a renovación da súa web (www.realacademiagalega.org), que inclúe a versión en liña do seu dicionario. Así, a través de Internet é posible consultar un fondo de máis de 50.000 palabras, e obter información sobre a súa pronunciación, o seu xénero axeitado ou a conxugación correcta dos verbos. O dicionario da Academia baséase en numerosas obras lexicográficas anteriores, corpus da lingua galega e bases de datos de referencia en materias como fraseoloxía ou as variantes de tipo dialectal. O coordinador do traballo no dicionario nestes últimos nove anos, o académico e catedrático Manuel González, subliñou ademais que o feito de que estea en liña permite que a obra se actualice «cada mes ou cada dous meses». «O dicionario en papel tamén debe renovarse, de cada 15 en 15 anos, pero Internet nos facilita a súa actualización periódica», engadiu.
A renovación da web da Academia achega información dos amplos fondos documentais da centenaria institución, como publicacións propias, revistas e artigos sobre a lingua e a cultura de Galicia, ou documentos tan curiosos como a cédula de identificación de Rosalía de Castro, o precedente do actual DNI. Para o presidente da entidade, Xosé Luís Méndez Ferrín, Internet abre unha fiestra para que a Academia «estea presente na vida da xente» e que ademais sitúa a Galicia nesa importante encrucillada de vieiros do mundo que é a Rede. Outras materias sobre as que se poden facer procuras na web da institución inclúen a toponimia, a onomástica ou a xeografía e a historia. Unha sección de axenda de actualidade completa a oferta da web renovada.
fonte
Comentarios recentes