Despois dun longo camiño, que xa vai para dous anos. Este 20 de febreiro do 2013, a rede social Twitter pon a disposición das e dos seus usuarios a lingua galega. Non foi sinxelo, nin moito menos conseguir que isto fora posíbel. Moitas persoas poden pensar que Twitter estea en galego é a cousa máis normal do mundo, máis non se enganan nada. Pero a verdade sexa dita, tivo que pasar moito tempo e as reivindicacións ser constantes para que poidamos “chíar” polo Twitter.

Pode gustar ou non, que en vez de tweets falemos de chíos. Máis o termo chíos, foi empregado de forma espontaneamente dende o inicio da iniciativa, levando consigo un afán máis que de orixinalidade. Chío, non é o mesmo que piar. Non é polo seu significado morfolóxico, nin pola súa definición establecida, aínda que pío lle sente mellor o paxaro Larry.  Pois o chío é un “berro” na rede social, que intentaba pasar da forma que fora a indignación de moitos usuarios e usuarias, que non dispoñían da súa propia lingua nesta rede. Ante a polémica de que aparezan termos “inventados”, como o exemplo anterior ou rechío, é froito da libre decisión das decenas de tradutores e tradutoras que empregaron o seu tempo traducindo, que elixiron de forma democrática estes novos termos para nomear a unhas palabras que xa viñan determinadas e que finalmente se puideron mudar. Esta nova terminoloxía pode gustar máis ou gustar menos, pero non hai que esquecer que foi a elección de toda esa xente que participou na tradución, merecendo só por iso, respeto pola súa labor. Máis non hai que esquecer que o Centro de Tradución está aberto para quen quixer axudar na tradución e votar os termos máis correctos. Aínda así, a nova versión está gustando a todos eses tuiteiros e tuiteiras que xa mudaron a súa lingua de Twitter ó galego.

A iniciativa comeza o 7 de maio do 2011, da man do estudante de Ciencias Políticas, Carlos García Vieito. Con atrancos ó non ser unha conta coñecida, non tardou en chamar a atención de moitos e moitas tuiteiras que reclamaban o mesmo que o paxariño chiaba en galego, como é a dispoñibilidade de ter a súa conta en lingua galega. Despois de longas campañas de concienciación e difusión da idea principal que defendía a conta, chegando incluso unha vez,  de forma retranqueira, a ser unha tendencia global con #EuNaCidadeDaCultura. Non foi o único TT que se conseguiu en galego, pois a pesares de non dispoñer da lingua galega no Twitter, as galegas e os galegos fixemos gala de mostrar máis dunha vez, tendencias en galego.

Esta iniciativa nace como un único berro da comunidade galega no Twitter e cun carácter popular, posto que non recibiu axuda directa de ningunha tipo, nin por parte de calquera institución. Partindo únicamente da forza da comunidade galega no Twitter. A única axuda que se recibiu durante estes dous anos, foi por parte dos propios seguidores e seguidoras da conta, que entre todos e todas íamos avanzando nas reclamacións para termos un Twitter na nosa lingua. O 19 de setembro do 2012, a rede social abre o Centro de Tradución do Twitter grazas os centos de peticións enviadas directamente ó @translator, por todos eses tuiteiros e tuiteras que reclamaban un Twitter na súa lingua. Recalcar de novo a falta de apoios, importantes para unha iniciativa que está comezando.

A tradución tampouco foi sinxela, a falta de tradutores e tradutoras comprometidas a traducir a totalidade da terminoloxía (15.658), como intrusos que traducían de forma incorrecta provocando un gran dano na tradución. Por iso se precisan de máis tradutores e tradutoras que contrasten todos os termos que se están a traducir, para que estes intrusos non logren o seu cometido. Agora xa temos dispoñíbel o Twitter en galego, máis en versión beta, por iso aínda temos que continuar no proceso de tradución para poder “rematar” de traducir todos os termos e comezar a dunha vez por todas, a tradución para iOS e Android.

Únete ao grupo de tradutor@s galeg@s no Centro de Tradución do Twitter

Se precisas axuda no proceso de tradución, preme aquí.

fonte

http://twitterengalego.wordpress.com/2013/02/21/twitter-disponibel-en-galego/